jueves, 15 de enero de 2015

EVALUACIÓN de la COMPAÑÍA DE MARÍA de Santiago de Compostela.

VALORACIÓN DO TALLER DI-K-NON ÁS DROGAS

Dentro da programación formativa para o noso alumnado este curso integramos o taller sobre prevención de drogas que oferta a UTE de Teixeiro en colaboración coa fundación Barrié.  
O taller tiña dúas partes:

O 9 de decembro de 2014 un grupo de internos do cárcere de Teixiro, acompañados por dous responsables, viñeron ao colexio Compañía de María de Santiago para ter cos nosos alumnos e alumnas de 4º ESO un primeiro encontro. Realizaron unha representación teatral onde, de xeito alegórico, quixeron expresar as situacións derivadas do consumo de drogas e as súas consecuencias. A continuación un dos presos relatou a súa vida, cómo entrou en contacto coas drogas e qué consecuencias tiveron para a súa vida, laboral e persoal. Ao rematar tiveron un coloquio co alumnado asistente (3º e 4º ESO), que resultou moi interesante para todos. Neste coloquio os rapaces mostraron as súas dúbidas, inquedanzas … e fixeron varias preguntas.
A semana seguinte, o día 16 de decembro, 32 alumnos/as , acompañados por dous profesores do centro, foron ao cárcere de Teixeiro e estiveron durante toda a mañá desenvolvendo distintas actividades na Unidade Terapéutica. A chegada ao centro, experimentar cómo se van pechando as portas detrás de nós, o silencio e a falta de horizonte marcaron xa o inicio dunha serie de experiencias moi positivas para todos.
A sesión dividiuse en tres actividades: experiencia individual (dentro dunha celda), grupal (reflexionando en pequenos grupos con presos sobre as súas experiencias vitais derivadas do consumo) e unha terceira grupal (todos xuntos cantando como despedida despois de toda unha mañá de vivencias).  

Os responsables do colexio valoramos o programa como unha actividade sumamente positiva e proveitosa . Os rapaces e rapazas tiveron unha experiencia a nivel individual e grupal moi interesante xa que recibiron información de primeira man sobre o consumo de drogas e as súas consecuencias. Traballaron a prevención primaria e co taller DI-K-NON  cremos que aprenderon realmente  a dicir que non. Coñeceron a persoas que están loitando por saír dunha situación persoal difícil, a nivel emocional, familiar e social. E souberon cómo se pode chegar a unha situación moi destructiva para un mesmo e para todos os que te rodean.
Estamos moi satisfeitos pola actividade, convencidos de que serviu ao alumnado para reflexionar e valorar a importancia que ten na nosa vida, e na dos demais, a toma de decisións.
Agradecemos á UTE de Teixeiro , aos seus responsables e á Fundación Barrié a posibilidade de participar neste programa. Esperando poder volver nos próximos cursos.
Agradecemos aos internos de Teixeiro que compartiran con nós as súas experiencias vitais e a disponibilidade que mostraron en todo momento.

No hay comentarios:

Publicar un comentario